I
As de cantar
Que ch’ ei de dar zonchos;
As de cantar
Que ch’ ei de dar moitos.
I
«As de cantar,
Meniña gaiteira,
As de cantar,
que me morro de pena.
Canta, meniña,
Na veira da fonte,
Canta, dareiche
Boliños do pote.
Canta, meniña,
Con brando compás,
Dareich’ unha proya
Da pedra do lar.
Papiñas con leite
Tamén che darei,
Sopiñas con viño,
Torrexas con mel.
Patacas asadas
Con sal e vinagre,
Que saben á noces,
¡Qué ricas que saben!
¡Qué feira, rapaza,
Si cantas faremos!...
Festiña por fora,
Festiña por dentro.
Canta si queres,
Rapaza do demo,
Canta si queres,
Dareich’ un mantelo.
Canta si queres,
Na lengua qu’ eu falo,
Dareich’ un mantelo,
Dareich’ un refaixo.
Có son da gaitiña
Có son da pandeira,
Che pido que cantes,
Rapaza morena.
Có son da gaitiña,
Có son do tambor,
Che pido que cantes,
Meniña, por Dios.»
II
Así mô pediron
Na veira do mar,
O pe das ondiñas
Que veñen e van.
Así mô pediron
Na veira do río
Que corr’ entr’ as erbas
Do campo frorido.
Cantaban os grilos,
Os galos cantaban,
O vento antr’ as follas
Runxindo pasaba.
Campaban os prados,
Manaban as fontes
Antr’ erbas e viñas,
Figueiras e robres.
Tocaban as gaitas
O son das pandeiras,
Bailaban os mozos
Cás mozas modestas.
¡Qué cofias tan brancas!
¡Qué panos con freco!...
¡Qué dengues de grana!
¡Qué sintas!, ¡qué adresos!
¡Qué ricos mandiles!
¡Qué verdes refaixos!...
¡Qué feitos xustillos
De cor colorado!
Tan vivos colores
A vista trubaban,
De velos tan váreos
O sol se folgaba.
De velos bulindo
Por montes e veigas,
Coidou qu’ eran rosas
Garridas e frescas.
III
Lugar máis hermoso
Non houbo na terra
Qu’ aquel qu’ eu miraba,
Qu’ aquel que me dera.
Lugar máis hermoso
No mundo n’ hachara,
Qu’ aquel de Galicia,
Galicia encantada.
Galicia frorida,
Cal ela ningunha,
De froles cuberta,
Cuberta de espumas.
D’ espumas qu’ o mare
Con pelras gomita,
De froles que nacen
O pe das fontiñas.
De valles tan fondos,
Tan verdes, tan frescos,
Qu’ as penas se calman
No máis que con velos.
Qu’ os ánxeles neles
Dormidos se quedan,
Xa en forma de pombas,
Xa en forma de niebras.
IV
Cantart’ ei, Galicia,
Teus doçes cantares,
Qu’ así mô pediron
Na veira do mare.
Cantar t’ ei, Galicia,
Na lengua gallega,
Consuelo dos males,
Alivio das penas.
Mimosa, soave,
Sentida, queixosa;
Encanta si ríe,
Conmove si chora.
Cal ela, ningunha
Tan doçe que cante
Soidades amargas,
Sospiros amantes.
Misterios da tarde,
Murmuxos da noite:
Cantar t’ ei, Galicia,
Na veira das fontes.
Qu’ así mô pediron,
Qu’ así mô mandaron,
Que cant’ e que cante
Na lengua qu’ eu falo.
Qu’ así mô mandaron,
Qu’ así mô dixeron...
Xa canto, meniñas,
Coidá que comenso.
Con doçe alegría,
Con brando compás,
O pe das ondiñas,
Que veñen e van.
Dios santo premita
Qu’ aquestes cantares,
D’ alivio vos sirvan
Nos vosos pesares.
De amabre consolo,
De soave contento,
Cal fartan de dichas
Compridos deseyos.
De noite, de día,
N’ aurora, na sera,
Oiresme cantando
Por montes e veigas.
Quen queira me chame,
Quen queira m’ obrige,
Cantar, cantareille
De noit’ e de día,
Por dalle contento,
Por dalle consolo,
Trocand’ en sonrisas
Queixiñas e choros.
Buscaime, rapazas,
Velliñas, mociños,
Buscaim’ antr’ os robres,
Buscaim’ antr’ os millos.
Nas portas dos ricos,
Nas portas dos probes,
Qu’ aquestes cantares
A todos responden.
A todos, qu’ á Virxen
Axuda pedín,
Por que vos console
No voso sufrir.
Nos vosos tormentos,
Nos vosos pesares.
Coidá que comenso...
¡Meniñas, Dios diante!
II
Nasín cand’ as prantas nasen,
Nô mes das froles nasín,
Nunh’ alborada mainiña,
Nunh’ alborada d’ abril.
Por eso me chaman Rosa,
Mais á dó triste sorrir,
Con espiñas para todos,
Sin ningunha para ti.
Des que te quixen, ingrato,
Tod’ acabou para min,
Qu’ eras ti para min todo,
Miña groria e meu vivir.
¿De qué, pois, te queixas, Mauro?
¿De qué, pois, te queixas, di,
Cando sabes que morrera
Por te contemplar felís?
Duro crabo me encrabaches
Con ese teu maldesir,
Con ese teu pedir tolo
Que non sei qué quer de min,
Pois dinche canto dar puden
Avariciosa de ti.
O meu corasón che mando
C’ unha chave par’ ó abrir,
Nin eu teño máis que darche,
Nin ti máis que me pedir.
III
—Dios bendiga todo, nena;
Rapaza, Dios che bendiga,
Xa que te dou tan grasiosa,
Xa que te dou tan feitiña,
Qu’ anque andiven moitas terras,
Qu’ anque andiven moitas vilas,
Coma ti non vin ningunha,
Tan redonda é tan bonita.
¡Ben haya quen te pariu!
¡Ben haya, amén, quen te cría!
—Dios vos garde, miña vella;
Gárdevos Santa Mariña,
Qu’ a bofé sôs falangueira,
Falangueira e ben cumprida.
—Meniña, por ben falada
Ningunha se perdería:
Cóllens’ entr’ os paxariños
Aqueles que mellor trían;
Morre afogado entr’ as pallas
O pitiño que non chía.
—Pois si vos foras pitiño,
Dígovos, miña velliña,
Que dese mal non morreras,
Que chiar ben chiarías.
—¡Ay!, que si non de min fora,
¡Miña filla, miña filla!
Sin agarimo no mundo
Desde que nasín orfiña,
De port’ en porta pedindo
Tiben que pasar á vida.
E cand’ á vida se pasa
Cal vida de pelegrina,
Que busca pelegrinando
O pan tódo-los días,
De cot’ en lares alleos,
De cot’ en extrañas vilas,
Hay que deprender estonces
Por no morrer coitadiña,
O pe d’ un valo tumbada
E de todos esquencida,
O chío dos paxariños,
O recramo das pombiñas,
O ben falar que comprase
A humildá mansa qu’ obriga.
—¡Moito sabés, miña vella,
Moito de sabiduría!
¡Quén poidera correr mundo
Por ser como vos sabida!
Qu’ anque traballos se pasen
Aló pó-las lonxes vilas,
Tamén ¡qué cousas se saben!
Tamén ¡qué cousas se miran!
—Máis val que nâs mires nunca,
Qu’ estonces te perderías:
¡O qu’ ó sol mirar precura
Logo quedará sin vista!
—Dirés verdá, miña vella;
Mais craras as vosas niñas,
Emprestouvos hastr’ agora
Groriosa Santa Lucía.
—Moita devoçón lle teño,
¡Miña santiña bendita!
Mais non sempr’ as niñas craras
Son proba de craras vistas.
Moitas eu vin com’ á augua
Que corr’ entr’ as penas frías
Gorgorexando de paso,
Sereniña, sereniña,
Qu’ antre tiniebras pousaban,
Qu’ antre tiniebras vivían,
Nas tiniebras d’ os pecados
Que son as máis escondidas.
—Si de pecados falades,
E pan qu’ onde queira espiga,
En tóda-las partes crese,
En todas partes se cría;
Mais uns son cor de veneno,
Outros de sangre runxida,
Outros, com’ á noite negros,
Medran c’ as lurpias dañinas,
Qu’ os paren entr’ ouro e seda
Arrolados pó-l’ envidia,
Mantidos pó-la luxuria,
Mimados pó-la cobiza.
—«Quen ven está, ven estea.»
Déixat’ estar, miña filla,
Nin precures correr mundo
Nin tampouco lonxes vilas,
Qu’ ó mundo da malos pagos
A quen lle da prendas finas,
E nas vilas mal fixeras
Qu’ á aquí facer non farías,
Qu’ anque ese pan varolento
En todas partes espiga,
Nunhas apoucado crese,
Noutras medra qu’ adimira.
—Falás com’ un abogado,
E calquera pensaría
Que deprendestes nos libros
Tan váreas palabrerías,
Todiñas tan ven faladas,
Todiñas tan entendidas;
E tal medo me puñeches
Que xa d’ aquí non sahira
Sin levar Santos-escritos
E medalliñas benditas
Nun lado do meu xustillo,
Xunto d’ unha negra figa,
Que me librasen das meigas
E máis das lurpias dañinas.
—Que te libren de ti mesma,
Pídelle á Dios, rapariga,
Que somos nos para nos
As lurpias máis enemigas.
Mais xa ven á noite vindo
Co seu manto d’ estreliñas,
Xa recolleron ó gando
Que pastaba na cortiña,
Xa lonx’ as campanas tocan,
Tocan as Ave-Marías,
Cada conexo ô seu tobo
Lixeiro, lixeiro tira,
Qu’ é mal compañeiro á noite
Si á compañeiro s’ obriga.
Mas ¡ay! qu’ eu non teño tobo
Nin burata conocida,
Nin tellado que me cruba
Dos ventos da noite fría.
¡Qué vid’ á dos probes, nena!
¡Qué vida, qu’ amarga vida!
Mais Noso Señor foi probe,
¡Qu’ esto d’ alivio nos sirva!
—Amén, miña vella, amén;
Mais pó-las almas benditas
Oxe dormirás n’ un leito
Feito de palliña triga,
Xunta do lar que vos quente
Cá borralliña encendida,
E comerés un caldiño
Con patacas e nabizas.
—¡Bendito sea Dios, bendito,
Bendit’ á Virxe María,
Que con tanto ben m’ acode
Por unha man compasiva!
O Señor che dé fertuna
Con moitos anos de vida;
¡Volvansech’ as tellas d’ ouro,
As pedras de prata fina,
E cada gran seu diamante
Che se volva cada día!
Y agora, miña rapaza,
Por qu’ un pouco t’ adivirtas
Bailando c’ as compañeiras
Que garulan ná cociña,
Eiche de contar historias,
Eiche de cantar copriñas,
Eiche de tocar as cunchas,
Miña carrapucheiriña.
IV
Cantan os galos pr’ ó día,
Érguete, meu ben, e vaite.
—¿Cómo m’ ei d’ ir, queridiña,
Cómo m’ ei d’ ir e deixarte?
—D’ eses teus olliños negros
Como doas relumbrantes,
Hastr’ as nosas maus unidas
As vagoas ardentes caen.
¿Cómo m’ ei d’ ir si te quero?
¿Cómo m’ ei d’ ir e deixarte,
Si cá lengua me desvotas
E có coraçón me atraes?
N’ un corruncho do teu leito
Cariñosa m’ abrigaches;
Có teu manso caloriño
Os fríos pes me quentastes;
E d’ aquí xuntos miramos
Por antr’ ó verde ramaxe,
Cal iba correndo á lua
Por enriva dos pinares.
¿Cómo queres que te deixe
Cómo que de ti m’ aparte,
Si máis qu’ á mel eres dulce
E máis qu’ as froles soave?
—Meiguiño, meiguiño meigo,
Meigo que me namoraste,
Baite d’ onda min meiguiño
Antes qu’ ó sol se levante.
—Ainda dorme, queridiña,
Antr’ as ondiñas do mare,
Dorme por que m’ acariñes
E por qu’ amante me chames,
Que sol’ onde ti, meniña,
Podo contento folgare.
—Xa cantan os paxariños,
Érguete, meu ben, qu’ é tarde.
—Deixa que canten, Marica,
Marica, deixa que canten...
Si ti sintes que me vaya,
Eu relouco por quedarme.
—Conmigo, meu queridiño,
Mitá da noite pasaches.
—Mais en tanto ti dormías
Contenteime con mirarte,
Qu’ así sorind’ entre sonos
Coidaba qu’ eras un ánxel,
E non con tanta pureza
O pe d’ un ánxel velase.
—Así te quero, meu ben,
Com’ un santo dos altares;
Mais fuxe... qu’ ó sol dourado
Por riba dos montes saye.
—Irey, mais dame un biquiño
Antes que de ti m’ aparte;
Qu’ esos labiños de rosa
Inda non sei como saben.
—Con mil amores cho dera,
Mais teño que confesarme;
E moita vergonza fora
Ter un pecado tan grande.
—Pois confésate, Marica,
Que cando casar nos casen,
Non ch’ han de valer, meniña,
Ni confesores nin frades.
¡Adiós, cariña de rosa!
—¡Raparigo, Dios te garde!