XXII
Mais ó que ben quixo un día,
Si á querer ten afición,
Sempre lle queda unha magoa
Dentro do seu coraçón.
I
Aló nas tardes serenas,
Aló nas tardes caladas,
Fanse máis duras as penas
Que nas brandas alboradas.
—
Aló nas tardes sombrisas,
Aló nas tardes escuras,
Fanse máis cortas as risas,
Máis negras as desventuras.
—
Que non hay sera tranquila
Para quen remorsos garda,
E máis presto s’ aniquila
Canto máis á noite agarda.
II
Eu ben sei d’ estos secretos
Que s’ esconden nas entrañas,
Que rebolen sempre inquietos
Baixo mil formas extrañas.
—
Eu ben sei d’ estes tormentos
Que cosomen e devoran,
Dos que fan xemer os ventos,
Dos que morden cando choran.
—
Y anqu’ hora sorrindo canto,
Anqu’ hora canto con brío,
Tanto chorey, chorey tanto,
Com’ as auguiñas d’ un río.
—
Tiben en pasados días
Fondas penas é pesares,
E chorey vagoas tan frías
Com’ as auguiñas dos mares.
—
Tiben tan fondos amores
E tan fondas amarguras,
Qu’ era fonte de dolores
Nacida entre penas duras.
III
Hora río, hora contento,
Vou pó-las eiras cantando,
Vendo d’ onda ven ó vento
Cando vou levar ó gando.
—
Hora con grande sosiego
Durmo na veira d’ as fontes,
Durmo na veira d’ os regos,
Durmo na punta d’ os montes.
—
Mais ó que ben quixo un día,
Si á querer ten afición,
Sempre lle queda unha magoa
Dentro do seu coraçón.
XXIII
Castellana de Castilla
Tan bonita e tan fidalga,
Mais á quen para ser fera
Cá procedensia ll’ abasta.
Desíme, miña señora,
Xa qu’ os mostrás tan ingrata,
Si ó meu rendimento homilde
Bascas d’ enoxo vos causan,
Pois cand’ onda vos me achego
Cuspís con ardentes ansias,
Y ese mirar de pombiña
Volvés en fosca mirada,
Tornando en sombrisa noite
O día qu’ en sol se baña.
En vano intento, señora,
Saber por qué me maltrata
Dama d’ un alma tan nobre,
Anque soberba por fama,
Pois né motivo á despreço
Sintirse tan ben amada,
Qu’ as mesmas pedras, señora,
D’ un bon querer se folgaran.
Din que na nobre Castilla
Así os gallegos se trata,
Mais debe saber Castilla,
Que de tan grande s’ alaba,
Que sempre á soberbia torpe
Foi filla d’ almas bastardas.
E sendo vos tan sabida,
Nunca de vó-lo pensara,
Que de tan alto baixando
Vos emporcases na lama.
Nin que chamándovos nobre
Tanta nobreza enfouçaras
Imitand’ os que vaidosos
No qu’ está débil s’ ensañan.
Pero máis val qu’ enmudeça,
Pois tés condición d’ ingrata;
Que predicar en deserto
Da miña terra né usanza.
Si fun curpabr’ en quereros
Coma ningún vos amara,
Por ser de terra gallega
E sérdes vos castellana,
En paz, señora, vos deixo
C’ á vosa soberba gracia,
E voume á Galicia hermosa
Dond’ en xuntanza m’ agardan
Ó que no tendes, señora,
Y ó qu’ en Castilla n’ achara,
Campiños de lindas rosas,
Fontiñas de frescas auguas,
Sombra na veira d’ os ríos,
Sol nas alegres montañas,
Caras que nacen sorrindo
E que sorrindo vos aman,
E qu’ inda mesmo morrendo
En sonrisiñas se bañan.
Alí, señora, contento
Cantando ó doçe ala lala
Baixo á figueira frondosa
En baixo da verde parra,
C’ aquelas frescas meniñas
Que mel d’ os seus labios manan
Cando en falar amoroso
Meigo nos din en voz maina.
Con tóda-las de Castilla
Nobrísimas castellanas
Olvidareivos sin pena,
Anque sós vos tan fidalga.
Que aló saben ser altivas,
Pero non saben ser vanas,
Y é fácil con doçes tomas
Olvidar tomas amargas.
Déchesmas vos, mi señora,
Con despreço envenenadas,
Inda con fero máis fero
Que pelica de laranxa;
Mais teño por que me pase
Aquel sarrapio qu’ escalda,
Teño unha dama nos Portos,
Outra no Ribeiro d’ Avia,
Si á dos Portos é bonita
Á do Ribeiro lle gana.
XXIV
Queridiña d’ os meus ollos,
Saberás como estou vivo
Nesta vila donde adoito
Dende que chegín de Xinzo.
Saberás com’ á Dios gracias
Y ó escapulario bendito
Non afogamos no mare
Como coidaba Xacinto
Qu’ é tan valente, á bofellas,
Como’ os alentos d’ un pito.
Saberás como dempois
Me puñeron moy vestido
Con roupa azul e amarela
Cal andan tódo-los quintos,
E logo todos xuntados,
Inda máis de vintecinco,
Nos paseamos pó-las calles,
Qu’ era mesmo un adimiro
De tan majos como ibámos,
De tan brancos e tan limpos.
¡Si me viras, queridiña,
Cal outras qu’ eu sei me viron!
Cad’ ollada me botaban
Xa de través, xa de fito...
Y eran meniñas graciosas
Con moita salsa no pico,
Mais ningunha d’ este peito
Poido arrincarm’ un sospiro,
Qu’ ó teu retrato alí estaba
Rabuñando paseniño.
Qu’ anque d’ onda ti partín,
Prendiña que tanto estimo,
Non vin soyo, miña xoya,
Que ti viñeche comigo.
¡Si souperas cánto peno,
Si souperas cál m’ afrixo
Cando m’ acordo nas noites
D’ aqueles teus cantariños!...
Ora en ti penso disperto,
Ora en ti penso durmindo,
E sempre en ti estou pensando
Coma si foses feitiço.
Seique meigallo me deche
Na festa do San Martiño,
Amasado c’ os teus dedos
Nunha bola de pan trigo.
Mais nóno sinto por eso,
Qu’ anque me deras martirio
Por vir de ti, queridiña,
Com’ un año recibírao.
Nada me distrai, Rosiña,
Da pena que por ti sinto;
De día como de noite
Este meu corazonciño
Contigo de cote fala
Porqu’ eu falar ben ó sinto;
Un falar tan amoroso
Que m’ estremeço d’ oílo.
¡Ay!, qu’ extrañeza me causa
E soidás e martirio,
Pois así cal el che fala
Quixera falar contigo
Cal outros tempos dichosos
D’ os nosos amores finos.
Cántas veces nos xuramos
Cando lavabas no río
Ó pe d’ un alto salgueiro
Antre risas e sospiros:
«¡Xa nunca máis separarnos,
Xa nunca máis desunirnos!»
Mais aqueles xuramentos
Tal como rosas d’ espiño
Lixeiriños s’ espallaron
A un sopro d’ os ventos fríos.
Ora có mar de por medio
¡Adiós, amantes cariños!
Nin ti me ves nin te vexo
Aló na beira do río,
Naquelas crariñas noites
De folga pó-los domingos.
As amoriñas maduran
Nas silveiras d’ os camiños,
Naçen as froriñas brancas
Por antr’ as canas do millo.
O río pasa-que-pasa,
Cantan nas pónlas os xilgaros,
Todo está verd’ e frondoso,
Todo está fresco e frorido;
Sólo nos, Rosa, faltamos
Naqueles verdes campiños.
Rosiña, dame un consolo
Par’ este dolor qu’ eu sinto.
¡Ay, qu’ os recordos me matan!
¡Ay, qu’ acabarán comigo!
Di s’ inda me queres moito,
Mandamo á decir pretiño;
Dime si gárdal’ o pano
Que che din por San Benito
Qu’ ó merquei na quinta feira
Por doce cartos e pico.
Dime tamén si deprendes
Pó-la cartilla de Cristus
Á ler como m’ ofreceches
Para ler os meus escritos,
Qu’ en sabendo algunhas letras
Dempois irás traducindo.
Eu xa lle perdín ó medo
A escribiduras e libros,
Pois fago uns palotes netos
De qu’ eu mesmo m’ adimiro,
Tan grandes como fungueiros
E máis gordos si non minto.
Adiós, espresiós che mando
Pó-lo burro de Camilo,
Que non sei cal che dirá
Estas cousas que ll’ exprico;
Mais sabe, miña Rosiña,
Rosiña de doçe olido,
Que si ti xa ler souperas
Os palotes qu’ eu escribo,
Escribírache unha carta
Nas alas d’ un paxariño.