SommaireCantares gallegos
2 min de lecture

XVIII

Á Ó SR. D. CAMILO ÁLVAREZ E CASTRO
CHANTRE DA CATEDRAL DE SALAMANCA

I

Roxiña cal sol dourado,
Garrida cal fresca rosa,
Iba pó-lo monte hermosa
Có branco pe descalzado...
Copo de neve pousado,
Deslumbrando á luz do día,
Tan branco pe parecía.

—

As longas trenzas caídas,
Con quen os ventos xogaban,
Ondiñas d’ ouro formaban
Na branca espalda tendidas;
Apertadas e bruñidas
Qu’ espigas eran, coidara
O que de lonxe as mirara.

—

Tiñan os cores do mare,
Os seus olliños dormentes,
Máis doçes, máis transparentes,
Naide os poidera encontrare;
Naide velos sin amare
O coraçón sin falsía,
Que por antr’ eles se vía.

—

Levaba na frente á yalma,
Nos doçes labios á risa,
Auguiña que ó vento enrisa,
Pousaba no fondo en calma.
Tal como gallarda palma
Cimbrase con folgura
A delgadiña cintura.

—

Ó par da brisa temprada
Qu’ antr’ os salgueiros corría,
Ela correndo seguía
Unha veiriña encantada.
Qu’ alí mansa e sosegada
Manaba unha fresca fonte
Cabo da falda do monte.

II

Franca, pura, sin enganos,
Canta, canta, garruleira,
Ó pe da verde silveira
Laband’ os seus brancos panos.
Ó son dos romores vanos
Que nacen cá mañanciña,
Lava, lava na fontiña.

—

Xunto d’ ela os paxariños
Gorgorexan qu’ é un contento,
Faille festiñas ó vento
C’ os seus hirmáns os airiños.
Os pastores, coitadiños,
Cantanlle ó doçe a... la... la...
Que lengua de amores fala.

—

Ela honesta está escoitando,
Mais con sospiros responde,
Qu’ aló garda non sei dónde
Saudades de non sei cándo.
Os paniños vay lavando
E á tendelos s’ apresura
Nun campiño de verdura.

—

Dempois no rego que pasa,
Verte unha vagoa serena,
Filla da escondida pena
Qu’ o seu peitiño traspasa.
Pois que d’ amores s’ abrasa
Aquela qu’ é fresca rosa
Tan amante como hermosa.

—

Compañeiras van chegando
Cal máis á máis ven portada,
Xarros de louza vidrada,
Antr’ os seixos van pousando.
Cay á auguiña mormuxando,
Brancas vinchas se levantan,
As meniñas cantan..., cantan.

—

As estrelas van fuxindo
A espesa niebra enrarece,
O arboriño que frorece
Por antr’ ela vay sahindo.
O craro sol vay subindo
Por riba do firmamento,
Limpo, garrulo e contento.

—

Arredor tod’ arrescende
A olido de primadera,
Y á ló n’ azulada esfera
Fogax de groria s’ encende.
Mais á meniña n’ atende
Si non á ó dor ¡mal pecado!
Que ten no peito encravado.

—

Danll’ extrañeza os cantares,
Danlle de chorar deseyos,
Y os ollos de vagoas cheyos,
Pensa nos nativos lares.
Que n’ hay máis tristes pesares,
Máis negra malencolía
Qu’ á qu’ entr’ extraños se cría.

—

Paxariños, verde prado,
Branca lua e sol ardente,
Todo consolo é impotente
En mal tan desconsolado.
Todo contento é trubado
Pó-la peniña sin fondo
Qu’ hay no coraçón abondo.

—

Por eso á meniña hermosa,
Foxe d’ alegre fontiña,
Tal como triste ovelliña
Que trema de dor queixosa.
Vay sentida, vay chorosa,
Mentras lle cantan con saña:
«¡Da montaña!, ¡da montaña!»

—

Y ela, que de tal s’ extraña,
Ferida no que máis sinte,
Qu’ á maltraten non consinte,
Y así lles contesta huraña:
Anque ché son da montaña,
Anque ché son montañesa,
Anque ché son, non me pesa.

1 min de lecture

XIX

Pasa río, pasa río,
Có teu maino rebulir;
Pasa pas’ antr’ as froliñas
Color d’ ouro e de marfil,
A quen c’ os teus doçes labios
Tan doçes cousas lles dis.
Pasa, pasa, mais non vexan
Que te vas á ó mar sin fin,
Porqu’ estonces ¡ay, probiñas,
Cánto choraran por ti!
¡Si souperas qu’ extrañeça,
Si souperas qué sofrir
Desque dél vivo apartado
O meu coraçón sentiu!
Tal m’ acoden as soidades,
Tal me queren afrixir,
Qu’ inda máis feras m’ afogan,
Si as quero botar de min.
Y ¡ay, que fora das froliñas
Vendote lonxe de si
Ir pó-la verde ribeira,
Da ribeira dô Carril!

Pasa, pasa, caladiño,
Có teu manso rebulir,
Camiño dô mar salado,
Camiño dô mar sin fin;
E leva estas lagrimiñas,
Si as de chegar por alí,
Pretiño dos meus amores,
Pretiño dô meu vivir.
¡Ay, quén lagrimiña fora
Prá ir, meu ben, xunta ti!...
¡Quén fixera un caminiño
Para pasar, ay de min!
Si á mar tibera barandas
Fórate ver á o Brasil;
Mais á mar non ten barandas,
Amor meu, ¿por don’ ey d’ ir?

3 min de lecture

XX

—Hora, meu meniño, hora,
¿Quen vos ha de dar á teta,
Si tua nay vay no muhiño,
E teu pay na leña seca?

Eu cha dera, miña xoya,
Con mil amores cha dera,
Hastra rebotar meu santo,
Hastra que máis non quixeras,
Hastra verte dormidiño
Con esa boca tan feita,
Sorrindo todo fartiño,
Cal ubre de vaca cheya.
Mais ¡ay, qué noite che agarda!
Mais ¡ay, qué noite ch’ espera!
Qu’ anque duas fontes teño,
Estas fontiñas non deitan.
Hora, meu meniño, hora,
Cánto chorarás por ela,
Sin ter con que t’ acalente,
Sin ter con que t’ adormeça,
Que soyo, soyo quedaches
Com’ unha ovelliña enferma,
Tremando, malpocadiño,
Com’ as ovelliñas treman.
Sin cobirtor que te cruba
Nunhas palliñas te deitan
E neve e chuvia en ti caen
Por antr’ as fendidas tellas.
E silva ó vento que pasa
Pó-las mal xuntadas pedras,
E cal coitelo afilado
No teu corpiño se ceiba.
¡Ay, cando veña tua nay!
¡Ay, cando ch’ á tua nay veña!
Cal te topará, meniño,
Frío com’ á neve mesma,
Para chorar sin alento,
Rosiña que os ventos creban...
¡Ay, más valera, meniño,
Que quen te dou non te dera!
Qu’ os fillos dos probes nacen,
Nacen para tales penas.

Así se expricaba Rosa
Nó medio da noite negra,
O pe d’ unha negra porta,
Toda de lañas cuberta.
Mentras tanto murmuxaban
Por entr’ á robreda espesa
Do río as revoltas agoas
E os berridos da tormenta.
Tod’ era sombras no ceo,
Tod’ era loito na terra,
E parece qu’ á compaña
Bailab’ antras as arboredas
C’ as chuchonas enemigas,
E c’ as estricadas meigas.

En tanto un choro soave
Sentir no espaço se deixa,
Tal como gaita tocada
Nunh’ alborada serena;
Tal como lexana frauta
Cand’ ó sol no mar se deita,
Cuyo son nos tray ó vento
C’ os cheiriños da ribeira.

No medio da chouza escura
Que triste Rosa contempra,
Unha luz branca se mira
Com’ aurora que comença.
Olido de frescas rosas
Os aires da noite incensan,
Cal si todas se xuntaran
As froles da primadera;
Soan cantares extraños,
Soan músicas que alegran;
Músicas son e cantares
Nunca sentidos na terra,
Por eso, pasmada Rosa,
Pouquiño á pouco s’ achega,
E por unha regandixa
Postrada no chan axexa.

Nunca humanos ollos viron
O que veu estonces ela,
Que si non morreu estonces
Foy porque Dios no quixera:
De resplandecente groria
Rayos d’ amor se refrexan
Do abandonado meniño,
Sobr’ á dourada cabeça;
E porqu’ esté máis contento,
E porque máis s’ entreteña,
Cabe ó seus peïños crecen
Frescos ramos de azucenas.
Xa non dorm’ en probe cuna,
Qu’ outro berce lle fixeron
C’ as alas os anxeliños
E có seu lume as estrellas.
Nubes de color de rosa
Fanlle branda cabeceira,
Sírvelle de cubertura
Un rayo de luna cheya,
Y á Virxen santa, vestida
Con vestido de inocencia,
Por que de fame non morra
E fartiño s’ adormeça,
Dalle maná do seu peito
Con qu’ os seus labios refresca.

Mentras ó mundo existise,
Rosa mirando estibera
Con tanta groria encantada,
Con tanta dicha suspensa;
Mais unha voz lonxe s’ oye
Por antr’ os olmos da veiga,
Que cantando amorosiña
S’ exprica de esta maneira:
«Hora, meu meniño, hora,
Logo che darey á teta,
Hora, meu meniño, hora,
Xa non chorarás por ela.»

Esto cantaron. En tanto
Có á Virxe desapareceran
Os anxeliños, deixando
En derredor noite espesa.
Xa se sinten as pasadas
Por xunto da corredeira;
Xa saltaron ó portelo,
Xa cerraron á cancela...
A probe nay corre, corre,
Qu’ ó seu filliño ll’ espera;
Mais cando chega, dormido
O seu filliño contempra.
Dill’ estonces, mentras tanto
Qu’ en bicalo se recrea:

—Miña xoya, miña xoya,
Miña prenda, miña prenda,
¿Qué fora de ti, meu santo,
Si naiciña non tiberas?
¿Quén, meu fillo, te limpara,
Quén á mantença che dera?

—O que manten as formigas
E os paxariños sustenta.—

Dixo Rosa, y escondeuse
Por antr’ á nebrina espesa.

4 min de lecture

XXI

Non che digo nada...
¡Pero vaya!

I

Pasan n’aquesta vida
Cousiñas tan extrañas,
Tan raros feitos vense
Neste mundo de trampa;
Tantos milagres vellos
Tan novas insinanzas,
E tan reboltos allos
Con nome d’ensaladas,
Que non che digo nada...
¡Pero vaya!

Meniña, ven vestida;
Meniña, ven calzada,
Que ten roupa de cote,
Que ten roupa de garda;
Meniña, que ben folga,
Meniña, qu’ anda maja,
Y é probe, malpocado,
Com’ unha triste araña...
Non che digo nada...
¡Pero vaya!

Véxote aló antr’ os millos,
Véxote aló nas brañas,
Xa no pinar espeso,
Xa na beiriña mansa
Do río que correndo
Vay antr’ as verdes canas,
E xuras qu’ estás soya,
Que naide t’ acompaña...
Non che digo nada...
¡Pero vaya!

Casada, casadiña,
Que gustas ser falada,
Que bailas c’ as solteiras
Nás festas e ruadas,
Que tes ná boca á risa
E que c’ os ollos falas,
E que á ó falar con eles
Parece que che saltan,
Non che digo nada...
¡Pero vaya!

Cando mirar te miro
Tan limpa e tan peinada,
Loitar c’ os rapaciños
Hastra qu’ en ti se fartan,
E vas dimpois xurando
Qu’ eres muller sin chata,
E dís qu’ ás máis non teñen
Contigo comparanza,
Non che digo nada...
¡Pero vaya!

E ti, Rosa, Rosiña,
Modesta e recatada,
Que falas tan mainiño,
Que tan mainiño andas,
Qu’ os pes d’ os homes miras
Para non verlle á cara,
E fás que non entendes
Cando d’ amor che falan,
Non che digo nada...
¡Pero vaya!

Vas pó-la mañanciña
A misa c’ as beatas
Dempois... (por qué, ti ó sabes)
De xunta d’ elas largas;
E si ná corredoira
Xunto da verde parra,
Non sey con que xentiña,
Páraste ou non te paras,
Non che digo nada...
¡Pero vaya!

E ti, rapás garrido
De tan melosas falas,
Tan majo de monteira,
Tan rico de polainas,
Tan fino de calzado
Como de mans fidalgas,
Cando me dis que gustas
De traballar na braña,
Non che digo nada...
¡Pero vaya!

Ti falarás d’ amores
Cousiñas ben faladas;
Ti loitarás c’ as nenas
Como ningún loitara;
Ti beberás do mosto
Hasta quedar sin fala;
Pero cós teus sudores
Mollar á terra ingrata...
Non che digo nada...
¡Pero vaya!

Mais tantas cousas vexo
Que me parecen trampa;
Tanto sol entre nubes,
E tan revoltas auguas
Qu’ asemellarse intentan
A unha fontiña crara,
Que por non perder tempo
Donde non quito racha,
Non che digo nada...
¡Pero vaya!

II

Pasan n’ aquesta vida
Cousiñas tan extrañas,
Tan raros feitos vense
Neste mundo de trampa;
Tantos milagres vellos,
Tan novas insinanzas,
E tan rovoltos allos
Con nome d’ ensaladas,
Que non che digo nada...
¡Pero vaya!

E qu’ algo deprendera,
Triste de min, coidaba;
E qu’ á esperencia neta
Ninguén m’ iba en puxanza
Por ter na frent’ enrugas
E ter caniñas brancas,
Cando hay hoxe uns mociños
Mesmo dende que maman,
Que non che digo nada...
¡Pero vaya!

Xa non che val, Farruco,
Que vivas en compaña
Dos anos pensadores
Nin da esperencia calva,
Nin qu’ ollo alerta vivas
Com’ á cordura manda,
Que donde menos penses
Tamaña lebre salta.
Que non che digo nada...
¡Pero vaya!

Xa sendo noit’ escura
Dinche qu’ é noite crara;
Xa estand’ ó mar sereno
Che din que fay borrasca,
E tanto te confunden
E tanto te acobardan,
Qu’ anque falar quixeras
Tal coma Dios che manda,
Non che digo nada...
¡Pero vaya!

Si eres francés, meu vello,
Si eres da lonxe Australia,
Si aló do sol baixaches
Ou das estrelas pálidas,
Con seria gravedade
Quisáis che preguntaran,
E ti pasmado todo,
Calado mormuraras:
Non che digo nada...
¡Pero vaya!

Por eso, meu velliño,
Si d’ estudiar non tratas
A cencia d’ estos tempos,
Qu’ é com’ el augua crara,
Anque c’ á parromeira
Tamén ten comparanza,
Que nesto á cencia estriba,
Y en ter distintas caras,
Non che digo nada...
¡Pero vaya!

Sin entender un ele
Verás que ben s’ amañan
Honrados e sin honra,
Rameiras e beatas;
Verás cómo s’ axuntan,
Verás cómo se tratan,
Mentras que ti marmuras
C’ á lengua d’ unha coarta.
Non che digo nada...
¡Pero vaya!

Verás cor de sireixa
Quen foy cor d’ esmeralda,
Y aqueles tan azues
Que sangre azul manaban,
Manar sangre bermella
Pó-la moderna usanza,
Y esto con tal chistura
E con fachenda tanta,
Que non che digo nada...
¡Pero vaya!

Verás qué revolturas,
Qué ricas contradanzas,
Qué gaitas con salterio,
Qué pífanos con arpas,
Qué dengues encarnados
Con mantilliñas brancas,
Chapurra que chapurra
En confusión tan várea.
Que non che digo nada...
¡Pero vaya!

Ti pensarás qu’ aquesto
É tod’ unha antroidada,
Qu’ aquí un levita sobra
Y unha chaqueta falta;
Qu’ alí se comen lebres
En vez de calabazas,
E tocan frautas donde
Deben tocar campanas...
Mais non che digo nada...
¡Pero vaya!

Deprende, meu velliño,
A cencia ben amada,
Que saibamente insina
Tan rica misturanza,
Si queres ser sabido
En cousas tan extrañas,
Pois antre tantas nobas
As costumiñas rancias...
Non che digo nada...
¡Pero vaya!