XXXV
Eu cantar, cantar, cantei,
A gracia non era moita,
Que nunca (delo me pesa)
Fun eu meniña graciosa.
Cantei como mal sabía
Dándolle reviravoltas,
Cal fán aquês que non saben
Direitamente unha cousa.
Pero dempois paseniño,
Y un pouco máis alto agora,
Fun votando as miñas cántigas
Como quen non quer á cousa.
Eu ben quixera, é verdade,
Que máis boniteiras foran;
Eu ben quixera que nelas
Bailase ó sol c’ as pombas,
As brandas auguas c’ á luz
Y os aires mainos c’ as rosas.
Que nelas craras se visen
A espuma d’ as verdes ondas,
Do ceu as brancas estrelas,
Da terr’ as prantas hermosas,
As niebras de cor sombriso
Qu’ aló nas montañas voan;
Os berros do triste moucho,
As campaniñas que dobran,
A primadera que ríe
Y os paxariños que voan.
Canta que te canta, mentras
Os coraçóns tristes choran.
Esto e inda máis, eu quixera
Desir con lengua graciosa;
Mas donde á gracia me falta
O sentimiento me sobra,
Anqu’ este tampouco abasta
Para expricar certas cousas,
Qu’ á veces por fora un canta
Mentras que por dentro un chora.
Non me expriquei cal quixera
Pois son de expricansa pouca;
Si gracia en cantar non teño
O amor da patria m’ afoga.
Eu cantar, cantar, cantei,
A gracia non era moita,
¡Mais qué faser, desdichada,
Si non nacín máis graciosa!
XXXVI
Sábado á noite
Marica pilla á roca.
—Ña muller, pilla esa roca
E déixate d’ ir á misa,
Pensa que non tés camisa
E fía unha mazaroca.
—Luns d’ as almas, meu homiño,
Déixame gardal’ ó día
Sen fiare, ¿qué diría
N’ outro mundo meu paiciño?
Pois... martes de San Antonio
Tampouco hey de traballere,
Prá qu’ ó santo me librare
D’ as tentazós do demonio.
Miércoles... ¡Non digo eu!
O home de Nosa Señora
San Xusé... de fiar ôra
Non me quisera no ceu.
¡E xueves!... N’ hay que falar
¡Santísimo Sacramento!
Con todo comedimento
O día ch’ hey de gardar.
¡Y ó viernes! ¿Recordazón
D’ agonía de Xesús?
Pasareino ô pe da crus,
Maxinando na pasión.
E ti benaventurado
Sábado da Virxen santa,
Quen tua festa crebanta
Debe estar excomungado.
Mais, dend’ as doce hastra á unha
Antre ó sábado e ó domingo
Tráeme acá esa roca, Mingo,
Qu’ esa n’ é falta ningunha.
¡Se viras cómo ó resío
M’ entra por antr’ os farrapos!
Acóchame co eses trapos,
Qu’ estou tembrando de frío.
—Non vexo trapos nin toldo
Con que te poida tapare,
Arrímate ô pe do lare
Ou métete antre ó rescoldo.
—Seica teño calentura...
¡Bruu!, seica vou morrere.
—Non t’ afrixas, ña mullere,
Que che irey catal’ o cura.
—Máis quisera un cubirtore;
Sinto callofríos... tantos...
—Pois que te cochen os santos,
Que n’ hay cuberta millore.
Folgaches noites e días
Só por ilos á bicare,
E debent’ ora cochare
Nas tuas postrimeirías.
Deste modo Xan sin Terra
Co á sua muller falaba,
Cando veu que se quedaba,
¡Malpocado!, feita terra,
E cuns coderos tapándolle
O triste coiro desnudo,
Díxolle entonces (eu dudo
Si chorando, si cantándolle):
Ey ti miña gardadora
D’ os días santos e das festas,
Cómo che relosen ora
As carnes por antre as xestas.
XXXVII
—Compadre, des qu’ un vai vello
O mesmo sol lle fay frío,
Cada regueiro elle un río,
Un boy cada escarabello.
Pésame ó lombo que pasma,
Pero qu’ inda Dios me leve
¡S’ é que non teño unha sede
Que me fay volvé-l’ a yasma!
E ben xa qu’ estamos preto
De ña casa... ¡Compadriño,
Vinde probal’ ó meu viño
E votaremos un neto!...
—¡Entra ti diante!—¡Non!—Sí.
Ti que és máis vello.—¡Cal mentes!
—Pois que cho digan os dentes.
—Teño máis moas que ti.
Mais entremol’ os dous xuntos
E acabouse ó del-con-dela,
Mide seis netos Manoela
Que trayo exoitos lo’ s untos
Enche ó xerro do canteiro
E no enchas c’ ó da vela
Que tan sóo prá meter bulla
Se non c’ aquel do Riveiro.
· · · · · · · · · · · · · · · · · ·
¡Coló, coló!—Ben nos preste,
Porque sin estos consolos
Andivéramos máis solos
Os vellos do qu’ anda á peste.
—¡Ten un piquiño!—¡Qué noria!
Con pique ou non, compadriño,
Dempois de Dios ¡viva ó viño!
—¿E haberá viño na groria?
¡Coló, coló!—¡Cousa boa!
¡Cólase como xarabe!
—Meu compadre, ó que ben sabe
Corre sin trigo nin broa.
—O viño de quente pasa,
Mais é mellor ó qu’ eu teño.
—¿Cómo qué?—Á probalo deño
Vas vir ora á miña casa.
—Eso pouco á pouco, amigo.
¡Mellor qu’ ó meu no-no paso!
—Pois botemos outro vaso
E veno á probar conmigo.
—Dis ben.—¡Ñas pernas... arriba!
Peito xa estás calentado;
Podemos un punteado
Bailar c’ un pe nunha criba
—Que no che me leve ó deño...
¿El andamos ou n’ andamos?
Unha vez parez que andamos
Y outras maxino que veño.
—Déixate d’ eso, Farruco,
Que eu vou coma unha pedrada,
E inda así n’ está escampada
Seica oirey cantá-lo cuco.
—No-no penses qu’ abofellas
Xa á miña porta chegamos,
Mais ten tino, porque entramos
No cortello das ovellas.
¡Mentes...; eu vou indo á fío
Cara á bodega, larpeiro!
—Mais déixame entrar primeiro,
Que me fay mal ó resío.
—Vállame Santa Lusía...
Todo ó vexo tan trubado;
Dime aquí, de reservado:
¿É de noite ou é de día?
—¡S’ o sey que vote máis canas!
Pero en secreto cho digo
D’ este non ver, meu amigo,
Deben ter culpa as pestanas.
Ora séntate e bebamos;
¡Teño unha sede!...—¡Eh!, ¿qué tal?
—Se non me fixese mal...
—¡Mal! ¿Tan fortes coma estamos?
Sabe que gorecha... pois
¿Exprícome?...—¡Pro sabido!
—Ó bebido, vay bebido
E s’ un quer máis... hastra Angrois.
¡É qu’ este teu viño!, ¡deño!...
É do qu’ un pode beber
Pero, compadre, á meu ver
Eche mellor ó que eu teño.
—¡N’ é verdá eso!...—¿Que non?
Tornas ora á vir conmigo
E disme s’ es meu amigo
Se no é moito máis bon.
—¡Poida!...; mais á tua bodega
Dime cándo chegaremos,
Teño unha sede dos demos...
E máis penso que lostrega.
—Ó qu’ hay, meu compañeiriño,
Non son lóstregos nin rollos;
É que tés lume nos ollos
E á gorxa pídeche viño.
¡Ey!, move esos pes lixeiro,
Qu’ estamos ô pe da pipa,
E bebe, que di Felipa
Qu’ á sede avolve ó calleiro.
—¡Jéen!... Dió-lo pague qu’ é forte;
Bebín canto me botache;
Tes un viño que... carache,
Fay resucitá-la morte.
—¿E logo sí? ¡Na que deño!
Nin ó d’un Padre Benito.
—¡E bon, mais ó dito, dito:
Inda é mellor ó que eu teño!
· · · · · · · · · · · · · · · · · ·
E indo e vindo no camiño
Tanto os compadres bebeno,
Que nunca en xamás volveno
A probar augua nin viño.
C’ o ventre com’ unha uva
Tras de tanta é tanta proba,
Levánonos para á coba
Dende ó mesmo pe da cuba.