XIII
San Antonio bendito,
Dádeme un home,
Anque me mate,
Anque m’ esfole.
Meu santo San Antonio
Daime un homiño,
Anqu’ ó tamaño teña
D’ un gran de millo.
Daimo, meu santo,
Anqu’ os pes teña coxos,
Mancos os brazos.
—
Unha muller sin home...
¡Santo bendito!
É corpiño sin alma,
Festa sin trigo.
Pau viradoiro,
Qu’ onda queira que vaya
Troncho que troncho.
—
Mais en tend’ un homiño,
¡Virxe do Carme!,
Non hay mundo que chegue
Para un folgarse.
Que zamb’ ou trenco,
Sempr’ é bó ter un home
Para un remedio.
—
Eu sey d’ un que cobiça
Causa miralo,
Lanzaliño de corpo,
Roxo e encarnado.
Carniñas de manteiga,
E palabras tan doçes
Cal mentireiras.
—
Por él peno de día,
De noite peno,
Pensando nós seus ollos
Color de ceo.
Mais el xa doito,
D’ amoriños entende,
De casar pouco.
—
Facé, meu San Antonio,
Qu’ onda min veña,
Para casar conmigo,
Nena solteira.
Que levo en dote
Unha culler de ferro,
Catro de boxe.
—
Un hirmanciño novo
Que xa ten dentes,
Unha vaquiña vella
Que non da leite...
¡Ay!, meu santiño,
Facé que tal suceda
Cal vo lo pido.
—
San Antonio bendito,
Dádeme un home,
Anque me mate,
Anque m’ esfole.
Que zamb’ ou trenco,
Sempr’ é bó ter un home
Para un remedio.
XIV
Acolá enriba
Na fresca montaña,
Qu’ alegre se crobe
De verde retama,
Meniña morena
De branco vestida,
Nubiña parece
No monte perdida.
Que xira, que corre,
Que torna, que pasa,
Que rola, e mainiña
Serena se para.
Xa embolta se mira
N’ espuma que salta,
Do chorro que ferve
Na rouca cascada.
Xa erguida na punta
De pena sombrisa,
Inmoble cal virxe
De pedra se mira.
A cofia de liño
A os ventos soltada,
As trenzas descoida
Qu’ os aires espallan;
Tendida-las puntas
Do pano de seda,
As alas d’ un ánxel
De lonxe semellan.
Si as brisas da tarde
Xogando con elas
As moven ca gracia
Qu’ un ánxel tivera.
Eu penso, ¡coitado
De min!, que me chaman
Si as vexo bulindo
Na verde enramada,
Mas ¡ay!, qu’ os meus ollos
M’ engañan traidores,
Pois vou, e lixeira
Na niebra s’ esconde;
S’ esconde outras veces
Na sombra dos pinos
E cant’ escondida
Cantares dulciños,
Qu’ abrasan, que firen,
Ferida d’ amor,
Que teño feitiña
No meu coraçón.
¡Qué feita, qué linda,
Qué fresca, qué branca,
Dou Dios á meniña
Da verde montaña!
¡Qu’ hermosa parece,
Que chore, que xima;
Cantando, sorrindo,
Disperta, dormida!
¡Ay!, si seu pay
Por regalo ma dera,
¡Ay!, non sentira
No mundo máis penas.
¡Ay!, que por tela
Conmigo por dama,
Eu llá vestira,
Eu llá calzara.
XV
Adiós ríos, adiós fontes,
Adiós regatos pequenos,
Adiós vista dos meus ollos,
Non sei cándo nos veremos.
Miña terra, miña terra,
Terra donde m’ eu criei,
Hortiña que quero tanto,
Figueiriñas que prantei.
Prados, ríos, arboredas,
Pinares que move ó vento,
Paxariños piadores,
Casiña do meu contento.
Muhiño d’ os castañares,
Noites craras de luar,
Campaniñas timbradoras
Da igrexiña dó lugar.
Amoriñas d’ ás silveiras
Qu’ eu lle dab’ ó meu amor,
Camiñiños antr’ ó millo,
¡Adiós para sempr’ adiós!
¡Adiós groria! ¡Adiós contento!
¡Deixo á casa onde nacín,
Deixo á aldea que conoço,
Por un mundo que non vin!
Deixo amigos por extraños,
Deixo a veiga pó-lo mar,
Deixo, en fin, canto ben quero...
¡Qué pudera non deixar!...
Mais son probe, e mal pecado,
A miña terra n’é miña,
Qu’ hastra lle dan de prestado
A veira por que camiña
Ó que naceu desdichado.
Téñovos, pois, que deixar,
Hortiña que tanto amei,
Fogueiriña do meu lar,
Arboriños que prantei,
Fontiña do cabañar.
Adiós, adiós, que me vou,
Herbiñas do camposanto,
Donde meu pay s’ enterrou,
Herbiñas que biquey tanto,
Terriña que nos criou.
Adiós, Virxe d’ Asunción,
Branca com’ un serafín,
Lévovos no coraçón:
Pedídelle á Dios por min,
Miña Virxe d’ Asunción.
Xa s’ oyen lonxe, moy lonxe,
As campanas do pomar,
Para min, ¡ay!, coitadiño,
Nunca máis han de tocar.
Xa s’ oyen lonxe, máis lonxe...
Cada balada é un dolor;
Voume soyo, sin arrimo...
Miña terra, ¡adiós!, ¡adiós!
¡Adiós tamén, queridiña...
Adiós por sempre quizáis!...
Dígoch’ este adiós chorando
Desd’ á veiriña do mar.
Non m’ olvides, queridiña,
Si morro de soidás...
Tantas legoas mar adentro...
¡Miña casiña!, ¡meu lar!
XVI
Eu ben vin estar ó moucho
Enriba d’ aquel penedo:
¡Non che teño medo, moucho,
Moucho, non che teño medo!
I
Unha noite, noite negra,
Com’ os pesares qu’ eu teño,
Noite filla das sombrisas,
Alas que extenden os medos;
Hora en que cantan os galos,
Hora en que xemen os ventos,
En qu’ as meigas bailan, bailan,
Xuntas có demo pirmeiro,
Arrincando verdes robres,
Portas e tellas fendendo,
Todas de branco vestidas,
Tendido-los brancos pelos
Contra quen os cans oubean
Agoirando triste enterro;
Cando relumbrar se miran
Antr’ os toxales espesos,
Cal encendidas candeas
Ollos de lobo famento,
E os ramallaxes dos montes
Antre sí murmuxan quedos,
E as follas secas qu’ espallan
Os aires da noite inquietos
En remuiños se xuntan
Con longo estremecemento;
Indo camiño da igrexa,
Soya cós meus pensamentos
Cabo da fonte da Virxe
Pretiño do cimenterio,
Dempois de sentir un sopro
Que me deixou sin alento:
Eu ben vin estar ó moucho
Enriba d’ aquel penedo.
II
Arrepuïñadas todas
As carnes se me puñeron,
E os cabelos no curuto
Fórons’ erguendo direitos:
Gotas de sudor corrían
Afio pó-lo meu peito,
E tembraba como tremban
As auguas cando fay vento,
Ná pia da fonte nova
Que sempre está revertendo.
Aquel moucho alí fincado,
Cal si fose ó mesmo demo,
Fito á fito me miraba
Có seus ollos rapiñeiros,
Que coidei que me roubaban
Non máis que de lonxe velos.
De lume me paresían
E que me queimaron penso;
Penso qu’ eran tizós roxos
Da fogueira dos infernos
Que pó-las niñas me entraron
Hastr’ ó coraçón dereitos.
En él remorsos había
D’ amoriños pecadentos...
¡Ay, quen ten d’ eses amores
Non pod’ achar bon sosiego!
Chovía si Dios ten augua,
Ventaba en tódo-los ventos,
E ensarrapicada toda
A camiñar non m’atrevo,
Qu’ ó moucho, fita que fita,
M’ aspera na quel penedo,
Mais acordeime da Virxe
Que sempre conmigo levo,
Résoll’ un Ave-María,
E cobrando novo alento,
Com’ os páxaros do mare,
Nadando paso ó regueiro;
Corro á enriba dó valado,
Brinco en baixo dó portelo,
E dend’ alí, berro entonces
Con cantas forzas eu teño:
Non che teño medo, moucho,
Moucho, non che teño medo.
XVII
Airiños, airiños aires,
Airiños da miña terra;
Airiños, airiños aires,
Airiños, levaime á ela.
Sin ela vivir non podo,
Non podo vivir contenta,
Qu’ adonde queira que vaya,
Cróbeme unha sombra espesa.
Cróbeme unha espesa nube
Tal preñada de tormentas,
Tal de soidás preñada,
Qu’ á miña vida envenena.
Levaime, levaime airiños,
Com’ unha folliña seca,
Que seca tamén me puxo
Á callentura que queima.
¡Ay!, si non me levás pronto,
Airiños da miña terra;
Si non me levás, airiños,
Quisáis xa non me conesan.
Qu’ á frebe que de min come,
Vaime consumindo lenta,
E no meu coraçonciño
Tamén traidora se ceiba.
Fun n’ outro tempo encarnada
Com’ á color da sireixa,
Son oxe descolorida
Com’ os cirios d’ as igrexas,
Cal si unha meiga chuchona
Á miña sangre bebera.
Voume quedando muchiña
Com’ unha rosa qu’ inverna;
Voume sin forzas quedando,
Voume quedando morena,
Cal unha mouriña moura,
Filla de moura ralea.
Levaime, levaime, airiños,
Levaime adonde m’ esperan
Unha nay que por min chora,
Un pay que sin min n’ alenta,
Un hirmán por quen daría
Á sangre d’ as miñas venas,
E un amoriño á quen alma
E vida lle prometera.
Si pronto non me levades,
¡Ay!, morrerei de tristeza,
Soya n’ unha terra extraña,
Dond’ extraña m’ alomean,
Donde todo canto miro
Todo me dic’ ¡extranxeira!
¡Ay miña probe casiña!
¡Ay miña vaca bermella!
Años, que valás nos montes,
Pombas, qu’ arrulás nas eiras,
Mozos, qu’ atruxás bailando,
Redobre d’ as castañetas,
Xas-co-rras-chás d’as cunchiñas,
Xurre-xurre d’ as pandeiras,
Tambor do tamborileiro,
Gaitiña, gaita gallega,
Xa non m’ alegras dicindo:
¡Muiñeira!, ¡muiñeira!
¡Ay, quén fora paxariño
De leves alas lixeiras!
¡Ay, con qué prisa voara
Toliña de tan contenta,
Para cantar á alborada
Nos campos da miña terra!
Agora mesmo partira,
Partira com’ unha frecha,
Sin medo as sombras da noite,
Sin medo da noite negra.
E que chovera ou ventara,
E que ventara ou chovera,
Voaría, e voaría
Hastra qu’ alcansase á vela.
Pero non son paxariño
E irey morrendo de pena,
Xa en lágrimas convertida,
Xa en suspiriños desfeita.
Doçes galleguiños aires,
Quitadoiriños de penas,
Encantadores d’ as auguas,
Amantes d’ as arboredas,
Música d’ as verdes canas,
Do millo d’ as nosas veigas,
Alegres compañeiriños,
Run-run de tóda-las festas,
Levaime nas vosas alas
Com’ unha folliña seca.
Non permitás qu’ aquí morra,
Airiños da miña terra,
Qu’ ainda penso, que de morta
Ei de sospirar por ela.
Ainda penso, airiños aires,
Que dimpois que morta sea,
E aló pó-lo camposanto,
Dond’ enterrada me teñan,
Pasés na calada noite
Runxindo antr’ á folla seca,
Ou murmuxando medrosos
Antr’ as brancas calaveras,
Inda dimpois de mortiña,
Airiños da miña terra,
Éivos de berrar: ¡Airiños,
Airiños, levaime á ela!